
Ola compañeiras, gustaríame traer a colación un filme que vin esta fin de semana, e que me pareceu representativo do exposto o outro día na clase. Trátase da película “Slumdog Millonaire” dirixida por Danny Boyle e recentemente galardoada con oito Oscars.
Pois ben, sen desvelarvos moito o argumento da película, por se non a vistes, gustaríame comentar a narrativa audiovisual que emprega. A obra comeza intercalando unha historia dun mozo orfo que vive nunha barriada de 'Bombay' e que se presenta á versión india de "¿Quién quiere ser millonario?". Tras acertar todas as preguntas, cando está a punto de responder á última cuestión, a policía deteno e vese obrigado a dar explicacións de todo. Ninguén cría que un rapaz tan pouco formado fose capaz de responder correctamente a tantas cuestións. No interrogatorio policial ó que é sometido conta moitos momentos da súa vida chegando a desvelar mesmo ata o verdadeiro motivo que o levou a decidirse a concursar no programa.

Este argumento descrito de xeito lineal, na película, transformase nun continuo flashback e flashforward, intercalando momentos da súa vida de cativo con momentos no concurso. Establécese entón un paralelismo entre o que lle pregunta o presentador, e unha unha etapa concreta das súas duras experiencias vitais.

Deste xeito o espectador pode entender cal é o motivo específico que fai que sexa capaz de acertar a cada pregunta. Non por casualidade, nin tampouco por ser un rapaz culto. A súa experiencia vital, e a súa loita cotiá para sobrevivir son as claves para responder satisfactoriamente ás cuestións que se lle plantexan no programa.

Poderiamos establecer un paralelismo entre esta forma de contar e de narrar, coa wikinovela. En ámbolos dous casos ráchase de pleno co relato que plantexaba o pensador e filósofo grego Aristóteles. Na retórica aristotélica facíase referencia a que calquera relato debería ter necesariamente tres partes: presentación nó e desenlace.
Coido que esta lóxica aristotélica, está en desuso, non só na escrita, senón como vemos no mundo audiovisual, e mesmo na internet. Mesmo as noticias televisivas xa non seguen esta tendencia. Xeralmente entran directamente no conflito. A maioría dos guións dos informativos televisivos, hoxe en día dramatizados e espectacularizados, buscan chamar a atención, servir de reclamo ó espectador. Por isto, fuxen dun relato lineal, para rachar con todos os esquemas do televidente. Nas pezas informativas televisivas tamén se dan saltos temporais, abórdase xeralmente o nó ou conflito, sen grandes contextualizacións e introducións. En internet se cabe, esta forma de contar dáse dun xeito máis acentuado polas posibilidades que ofrece a rede, mesturase texto, vídeo, son. As noticias incorporan enlaces que nos levan a outras, os medios dixitais, mesmo enlazan as informacións con documentos que serven como probas, ou con outras páxinas web alleas ó cibermedio.
O relato xornalístico muda por tanto para adaptarse a unha nova forma de contar, e mesmo de ver o mundo. Recordemos que a retórica aristotélica non é máis que un esquema xurdido nun momento da historia, e que ten moito que ver coa forma de entender e pensar o mundo. E por isto esta nova forma de contar tamén ten que ver co noso mundo actual. Un mundo interactivo, cheo de posibilidades tecnolóxicas, redes sociais, espazos compartidos na rede,obras individuais que pasan a ser creacións colectivas, comunidades virtuais, enciclopedias e novelas construídas non por un EU senón por un NÓS colectivo que contribúe a fomentar a interacción e a participación.